Con motivo da celebración do Día Mundial dos Legumes, o proxecto ecoBosque lanza o segundo episodio do podcast “Faladoiro ecoBosque: Conversas sobre natureza, memoria e futuro do Río Sar”, un espazo sonoro para reflexionar sobre a relación entre os ecosistemas fluviais, a historia e os retos ambientais do futuro.
Segundo episodio con Antonio de Ron Pedreira
Este episodio publícase hoxe, 10 de febreiro de 2026, coincidindo co Día Mundial das Legumes, proclamado pola FAO: unha data que busca recoñecer o seu papel na seguridade alimentaria, a nutrición e a sustentabilidade ambiental. Son sementes que melloran o solo, poden beneficiar a biodiversidade e combater a pobreza, e nos lembran que unha boa alimentación tamén pode coidar o planeta.
Neste 2026 España é a súa sede oficial, esta designación supón o recoñecemento á importancia agrícola, produtiva e gastronómica do país no ámbito das legumes, así como o seu compromiso cos obxectivos de seguridade alimentaria, nutrición e sustentabilidade que promove a FAO a escala mundial.
Para o segundo episodio, o faladoiro conta coa participación de Antonio de Ron Pedreira, investigador emérito do CSIC, expresidente da asociación española de leguminosas e fundador do grupo de investigación destas na Misión Biolóxica, da que leva formando parte dende 1983.

O proxecto ecoBosque, impulsado polo Concello de Santiago de Compostela e subvencionado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a través da Fundación Biodiversidade, ten como obxectivo mellorar e renaturalizar a contorna do río Sar, poñendo en valor un enclave de alto interese ambiental e histórico. A través de accións de restauración ecolóxica, divulgación e participación cidadá, o proxecto pretende fomentar unha relación máis consciente e respectuosa coa natureza.
Con este novo episodio de podcast, o proxecto ecoBosque continúa o seu labor de sensibilización ambiental, convidando á veciñanza a reflexionar sobre a importancia que ten o que comemos e o seu impacto nos ecosistemas que nos rodean.