O proxecto ecoBosque publica o décimo capítulo do seu podcast no Día da Apreciación dos Morcegos

No Día Mundial da Apreciación dos Morcegos o proxecto ecoBosque publica o décimo episodio do podcast "Faladoiro ecoBosque" con Zeltia López Gallego como convidada.

O Día Mundial da Apreciación dos Morcegos celébrase cada 17 de abril por iniciativa da Bat Conservation International, fundada en 1982 por científicos preocupados polo declive destes organismos co obxectivo de cambiar a percepción negativa que teñen e destacar o seu enorme valor ecolóxico.

Con motivo deste día, dende o Faladoiro EcoBosque gravouse un episodio con Zeltia López Gallego, da Asociación de Morcegos de Galicia, para achegarnos a un grupo de animais tan fascinante como descoñecido. Fálase de que son realmente os morcegos, do seu papel fundamental no control de insectos e dos mitos que durante séculos condicionaron a nosa percepción sobre eles.
Tamén se abordan as ameazas ás que se enfrontan, desde a perda de hábitat ata o impacto da actividade humana, e reflexiónase sobre como podemos convivir mellor con esta fauna voadora.

image

O Proxecto EcoBosque forma parte dunha estratexia integral de recuperación ambiental, coidado da biodiversidade e participación  cidadá, promovida polo Concello de Santiago de Compostela e co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO). Esta iniciativa está integrada no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.