As caixas niño e outros refuxios artificiais ofrecen unha alternativa segura e adaptada ás necesidades de diferentes especies animais, facilitando a recuperación dos seus hábitats naturais.
O pasado 13 de febreiro demos un paso decisivo cara á naturalización do Bosque do Banquete de Conxo, iniciando a colocación das primeiras caixas niño. Esta acción, clave dentro do proxecto ECO‐BOSQUE, liderado polo Concello de Santiago e apoiado pola Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) e financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU, ten como obxectivo dotar o espazo de refuxios seguros e axeitados para as aves.

¿Por que son fundamentais as caixas niño?
Na contorna urbana, moitas aves enfrontan dificultades para atopar lugares idóneos onde descansar, reproducirse e criar aos seus pitos. A perda de estruturas naturais, como árbores centenarias ou refuxios autóctonos, contribuíu ao declive destas poboacións. As caixas niño e outros refuxios artificiais ofrecen unha alternativa segura, adaptada ás necesidades de diferentes especies, facilitando a recuperación dos seus hábitats.
Ademais de embelecer os nosos espazos verdes coa súa presenza e canto, estas especies desempeñan funcións clave nos ecosistemas urbanos, como:
• Control natural de pragas: As aves insectívoras e os morcegos axudan a manter as poboacións de insectos, como mosquitos, avelaíñas ou pulgóns, baixo control biolóxico.
• Dispersión de sementes: As aves frugívoras contribúen á rexeneración dos ecosistemas ao transportar sementes a distintas zonas, enriquecendo a diversidade vexetal.

A acción en cifras
O proxecto contempla a instalación de 100 caixas niño e refuxios, estratexicamente distribuídos no Bosque do Banquete, seleccionados tendo en conta as características do contorno e a presenza de fauna potencialmente beneficiaria. Para maximizar a súa eficacia, dispóñense deseños variados, adaptados ás necesidades de especies tanto diurnas como nocturnas.
Con esta iniciativa, o proxecto ECO‐BOSQUE reafirma o seu compromiso coa restauración e conservación da biodiversidade urbana, creando un modelo replicable de xestión ambiental que mellora a presenza de aves e a calidade da nosa contorna.