A organización da Carreira de Orientación EcoBosque anuncia a ampliación do prazo de
inscrición até o venres 13 de xuño, ás 23:59 horas. A medida responde á alta demanda e ao
interese xerado pola proba, que se celebrará o domingo 15 de xuño no Banquete de Conxo
como peche da campaña ‘Sementar, non contaminar’.
A carreira, pensada para todos os públicos e idades, contará con tres percorridos adaptados
e próximos ao río Sar, convertendo o Ecobosque nun escenario de xogo, reflexión e coidado
ambiental. O número de persoas xa inscritas rolda as 400, o que confirma o éxito dunha
proposta que une saúde, comunidade e respecto pola natureza.
A gran acollida da proba reflicte tamén o crecente interese polo deporte de orientación,
unha disciplina que vai máis alá do exercicio físico: estimula a observación, a planificación, o
pensamento estratéxico e a conexión co territorio.
Desde o Concello de Santiago e o equipo do Proxecto EcoBosque, anímase á veciñanza e
visitantes a participar nun evento que será, ao tempo, unha festa da natureza e unha
experiencia de aprendizaxe activa ao aire libre.
Inscricións abertas
A actividade é de balde, con inscrición individual ou por equipos de ata 6 persoas.
Formulario de inscrición: https://form.jotform.com/251542250215344
Máis información:
info@xestanatureza.com
www.banquetedeconxo.com | www.xestanatureza.com
Recollida de camisetas conmemorativas
Para facilitar a organización e garantir que todos os participantes poidan gozar plenamente
da Carreira de Orientación EcoBosque, o Concello de Santiago informa do seguinte:
Recollida anticipada (recomendada):
Lugar: Edificio CERSIA (Rúa Alcalde Raimundo López Pol, nº 1 – San Lázaro)
Horario:
- Venres, 13 de xuño: de 16:30 a 20:30 h
- Sábado, 14 de xuño: de 10:00 a 14:00 h
Será necesario presentar o DNI ou xustificante de inscrición.
Recollida o día da carreira:
Na carpa de organización situada na zona de saída (Mosaico do Banquete de Conxo), o
domingo 15 de xuño, entre as 10:00 e as 11:30 h, pensada especialmente para participantes
de fóra de Santiago ou quen non poidan acudir os días anteriores.
A organización agradece a colaboración cidadá para que esta proba, enmarcada na campaña
do Día Mundial do Medioambiente, sexa un éxito de participación e fluidez.
O deporte de orientación é moito máis ca unha actividade física: é unha ferramenta
educativa que fomenta o pensamento estratéxico, a observación do contorno e o respecto
polo medio. Practicado en espazos naturais como o Ecobosque do río Sar, convértese nunha
experiencia que combina saúde, aprendizaxe e conexión coa natureza. A través deste tipo de
probas, promovemos unha maneira activa, lúdica e comprometida de coidar e habitar os
espazos verdes, contribuíndo á súa conservación mentres os exploramos.
Un peche simbólico para unha campaña que planta raíces
A carreira de orientación será o acto final dunha campaña que mobilizou máis de mil
persoas en obradoiros, actividades educativas, andainas, accións de limpeza e arte
comunitaria, baixo o lema: “Sementar, non contaminar”.
Unha chamada urxente á acción que demostra que as solucións ambientais tamén pasan
pola educación, a comunidade e o contacto directo coa terra.
O proxecto ECOBOSQUE é unha iniciativa de restauración ecolóxica do río Sar e do
Banquete de Conxo como espazo de saúde, educación ambiental e benestar, e conta co apoio
da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y o Reto
Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia
(PRTR), financiado pola Unión Europea–NextGenerationEU.