A senda do río Sar xa non é só un paseo entre natureza. Agora tamén é unha aventura interactiva grazas a SAR, unha aplicación móbil que transforma cada paso nun xogo de descubrimento. Esta ferramenta, desenvolvida no marco do Proxecto EcoBosque, convida a pequenos e maiores a explorar o territorio dun xeito novidoso: a través da realidade aumentada.
Como funciona?
Ao longo dos 10 km da senda do Sar, agocháronse 18 pictogramas con imaxes que deben ser escaneadas coa cámara do móbil a través da app SAR. Cada imaxe desbloquea unha personaxe histórica vencellada ao Banquete de Conxo: poetas como Aurelio Aguirre, intelectuais como Eduardo Pondal ou médicos como Luís Rodríguez Seoane. Cada figura achega unha pista para atopar o seguinte símbolo escondido no camiño.
Explorar xogando
A aplicación inclúe un mapa e opcións de xeolocalización que permiten aos usuarios moverse como auténticos exploradores do tempo. A experiencia mestura educación, historia, ecoloxía e xogo, recuperando a memoria do emblemático Banquete de Conxo de 1856, un acto pioneiro en igualdade social e solidariedade.
Tecnoloxía para conectar co territorio
SAR é moito máis ca unha aplicación lúdica. É unha ferramenta para reforzar o vínculo coa contorna natural e urbana, promovendo o coñecemento do patrimonio local e a participación cidadá. Forma parte das accións do Proxecto EcoBosque, unha iniciativa de restauración ecolóxica e sensibilización impulsada polo Concello de Santiago, con apoio da Fundación Biodiversidad do MITECO no marco do PRTR financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
Dispoñible en Android a partir da versión 11.
Prepara o teu móbil… e lánzate á aventura!