Publícase o Informe de Biodiversidade Faunística do Banquete de Conxo

O Concello de Santiago presenta o Informe de Biodiversidade Faunística do Bosque do Banquete de Conxo, un documento técnico que afonda no coñecemento ecolóxico deste enclave singular.


O Concello de Santiago presenta o Informe de Biodiversidade Faunística do Bosque do Banquete de Conxo, un documento técnico que afonda no coñecemento ecolóxico deste enclave singular da cidade e que marca unha nova etapa no proceso de conservación e restauración ambiental impulsado a través do proxecto ecoBosque – Río Sar.


A publicación deste informe responde ademais a unha das prioridades identificadas colectivamente tanto nas Mesas de Diálogo celebradas o pasado 24 de marzo de 2026 como no Consello EcoBosque do 9 de abril, nos que se sinalou a necesidade de avanzar no coñecemento científico do espazo e poñer a disposición da cidadanía información rigorosa sobre os seus valores naturais e ambientais.

O documento recolle os resultados de diferentes estudos realizados durante a primavera de 2026 por profesionais, entidades e empresas especializadas en fauna e conservación da biodiversidade: a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), SEO BirdLife, Morcegos Galicia, Sorex Ecoloxía e Medio Ambiente S.L.U., a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e profesionais do propio Concello de Santiago. Este traballo conxunto permitiu elaborar unha radiografía actualizada da riqueza ecolóxica do Bosque do Banquete de Conxo e do río Sar ao seu paso por este ámbito periurbano.

Fotos portada galego


O informe confirma o elevado valor ambiental deste espazo, no que converxen ecosistemas fluviais, bosque de ribeira, masas arbóreas maduras, zonas húmidas e áreas abertas que favorecen a presenza dunha importante diversidade de especies. En total, identificáronse 73 especies de fauna que comprenden 8 especies de anfibios, 46 especies de aves, 5 especies de morcegos e 14 especies de mamíferos terrestres, algunhas delas incluídas en diferentes figuras de protección autonómicas, estatais e europeas. O estudo evidencia tamén a presenza de especies vulnerables e de especial interese para a conservación ó estar incluídas no Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (LESRPE), no Catálogo Español de Especies Ameazadas e no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, así como noutras figuras de protección ambiental.


Os traballos realizados permitiron tamén avaliar o estado ecolóxico do río Sar ao seu paso polo Banquete de Conxo mediante análises biolóxicas e físico-químicas da auga. Os resultados apuntan á existencia de presións ambientais relevantes, especialmente asociadas á elevada concentración de nitratos detectada nun dos puntos de mostraxe e á alteración histórica do ecosistema fluvial.


O informe identifica ademais algunhas das principais ameazas para a biodiversidade do ámbito, entre elas a fragmentación dos hábitats, a expansión urbana, a presenza de especies exóticas invasoras, a contaminación acústica e lumínica ou a degradación da calidade da auga. Neste contexto, o documento sinala a necesidade de continuar impulsando medidas de restauración ecolóxica, mellora da conectividade ambiental e seguemento científico a medio e longo prazo.

O enlace para acceder ao informe é o seguinte: https://www.banquetedeconxo.com/wp-content/uploads/2026/05/SEN-MAPAS_Informe-de-Biodiversidade-Faunistica-do-Banquete-de-Conxo-gal-2.pdf

O proxecto ecoBosque, está impulsado polo Concello de Santiago de Compostela e subvencionado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a través da Fundación Biodiversidade, ten como obxectivo mellorar e renaturalizar a contorna do río Sar, poñendo en valor un enclave de alto interese ambiental e histórico. A través de accións de restauración ecolóxica, divulgación e participación cidadá, o proxecto pretende fomentar unha relación máis consciente e respectuosa coa natureza.