Publícase a nova app e web do Proxecto EcoBosque

Xa se pode descargar tanto para Ios como para Android a nova App sobre o EcoBosque do río Sar. Dita app está dispoñible tamén en versión web na dirección app.ecobosqueriosar.com.

A web-app reúne toda a información sobre o proxecto de restauración do ámbito do Banquete de Conxo e das accións xa desenvolvidas ao seu abeiro, pero tamén permite acceder a numerosos recursos sobre as especies de flora e fauna que se atopan no ámbito, con fichas de máis de trinta especies vexetais e de 25 especies animais, e outros aspectos como o patrimonio e a memoria do río Sar.

O técnico do departamento de Emprego Xabier Ferreiro explicou que a web-app tamén inclúe un mapa vivo elaborado en colaboración co servizo municipal de cartografía no que se irán localizando todas as actuacións que se realicen ao longo de todo o percorrido do río Sar. De momento, aparece información sobre as actuacións vinculadas ao proxecto do EcoBosque.

Ademais, a aplicación e a versión na web permitirán a participación da veciñanza, que poderá informar de cuestións que considere de interese vinculadas ao río como a presenza de especies invasoras ou de novas especies animais ou vexetais que non estean documentadas na propia app.

Finalmente, un apartado de actualidade permitirá á cidadanía acceder a novas e recursos así como aos episodios do podcast Faladoiro EcoBosque.