O corazón do bosque do Banquete de Conxo volveu latexar con forza grazas ás risas, xogos, cancións e historias compartidas polos nenos e nenas do CEIP Cardeal Quiroga Palacios, protagonistas dunha xornada moi especial onde a natureza, a memoria e a educación se deron a man.
Baixo a sombra dos carballos centenarios, o espazo histórico converteuse nunha aula viva onde o alumnado puido experimentar de primeira man a riqueza do lugar e revivir feitos clave da historia de Galicia a través da dramatización e a expresión artística.
Un dos momentos máis destacados foi a representación teatral ao aire libre, que deu vida a episodios como a batalla de Cacheiras, os fusilamentos de Carral e, sobre todo, o simbólico Banquete de Conxo de 1856, un xesto revolucionario de igualdade e fraternidade entre estudantes e obreiros. A posta en escena combinou narración, dramatización e música tradicional, creando un ambiente máxico que emocionou tanto a crianzas como a adultos.
Esta actividade forma parte dun proxecto didáctico que aposta pola aprendizaxe activa, emocional e comprometida co territorio, integrando áreas como Ciencias Sociais, Lingua, Educación Artística e Valores Sociais. A través da teatralización, os nenos e nenas non só aprenden historia, senón que desenvolven habilidades comunicativas, traballan en equipo e reflexionan sobre cuestións fundamentais como a igualdade, a dignidade e o sentido da comunidade.
A xornada tamén serviu para coñecer de preto o proxecto ECOBOSQUE, unha iniciativa de restauración ecolóxica do río Sar e do Banquete de Conxo como espazo de saúde, educación ambiental e benestar. O proxecto conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.
Con actividades coma esta, o CEIP Quiroga Palacios reafirma o seu compromiso cunha educación transformadora, conectada coa contorna e coa memoria colectiva. O bosque do Banquete de Conxo demóstrase así non só como un lugar con historia, senón como un espazo vivo para aprender, compartir e soñar un futuro máis xusto e sostible.