O proxecto ecoBosque publica o terceiro capítulo do seu podcast no Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia

No Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia, o proxecto ecoBosque lanza o terceiro episodio do podcast "Faladoiro ecoBosque" con Mabel Loza e Montserrat Díaz-Raviña como convidadas.

Con motivo da celebración do Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia, o proxecto ecoBosque lanza o terceiro episodio do podcast “Faladoiro ecoBosque: Conversas sobre natureza, memoria e futuro do Río Sar”, reafirmando o seu compromiso coa divulgación científica e coa visibilización do talento feminino.

Terceiro episodio con Mabel Loza e Montserrat Díaz-Raviña

A data do 11 de febreiro, proclamada polas Nacións Unidas, constitúe unha oportunidade para recoñecer a contribución esencial das mulleres ao avance do coñecemento científico e tecnolóxico, así como para reclamar unha maior presenza feminina en todos os ámbitos da investigación. Máis alá da conmemoración simbólica, trátase dunha xornada que interpela á sociedade sobre a necesidade de eliminar fendas de xénero, promover referentes visibles e impulsar políticas activas que fomenten vocacións científicas desde idades temperás.

Neste terceiro episodio participan Mabel Loza, catedrática de Farmacoloxía e directora do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da Universidade de Santiago de Compostela (CIMUS) e membro da Real Academia Nacional de Farmacia, e Montserrat Díaz-Raviña, doutora en Bioloxía e directora do grupo de investigación “Bioquímica e Calidade de Solos” na sede compostelá da Misión Biolóxica de Galicia do CSIC, así como Socia de Honra da Sociedade Española da Ciencia do Solo (SECS).

foto fusión

As súas traxectorias evidencian o papel determinante das mulleres na ciencia contemporánea e a súa contribución directa á mellora da saúde, do medio ambiente e do desenvolvemento sostible. Visibilizar estas referentes non é só un exercicio de recoñecemento, senón unha acción necesaria para fortalecer o ecosistema científico, promover liderados femininos e incentivar que máis nenas e mozas escollan itinerarios formativos e profesionais vinculados á investigación. A igualdade real no ámbito científico require compromiso institucional, medidas proactivas e unha aposta decidida por integrar o talento feminino en todas as fases da carreira investigadora.

No episodio abórdanse cuestións como as vocacións científicas, os obstáculos estruturais, o liderado feminino na investigación, os retos da transferencia de coñecemento e o diálogo entre ciencia e territorio. Unha conversa que reivindica o papel transformador da ciencia e a importancia de garantir que ese avance conte coa participación plena das mulleres.

O proxecto ecoBosque, impulsado polo Concello de Santiago de Compostela e subvencionado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a través da Fundación Biodiversidade, ten como obxectivo mellorar e renaturalizar a contorna do río Sar, poñendo en valor un enclave de alto interese ambiental e histórico. A través de accións de restauración ecolóxica, divulgación e participación cidadá, o proxecto pretende fomentar unha relación máis consciente e respectuosa coa natureza.

Con este novo episodio, ecoBosque reforza a súa aposta por unha divulgación que integra sustentabilidade, ciencia e igualdade, sumándose á celebración do talento feminino e á necesidade de seguir avanzando cara a unha ciencia máis diversa, equitativa e socialmente comprometida.