Con motivo da celebración do Día Internacional de Acción polos Ríos, o proxecto ecoBosque lanza un novo episodio do podcast “Faladoiro ecoBosque: Conversas sobre natureza, memoria e futuro do Río Sar”, reafirmando o seu compromiso coa divulgación científica e coa protección e posta en valor dos ecosistemas fluviais.
Esta data, celebrada cada 14 de marzo en todo o mundo, invita a mirar de fronte a estes cursos de auga que atravesan territorio, cidades e memorias colectivas. Os río debuxan paisaxes pero tamén sosteñen ecosistemas, abastecen a miles de persoas e manteñen vivas tradicións agrícolas, culturais e económicas.
Neste episodio contamos coa participación de Fernando Cobo Gradín, profesor de Ecoloxía na Universidade de Santiago de Compostela e investigador especializado no estudo dos ecosistemas fluviais e da biodiversidade asociada aos ríos. Ao longo da conversa, comparte a súa experiencia científica e o seu coñecemento sobre o funcionamento dos ríos, o valor da biodiversidade acuática e os retos actuais para a súa conservación.

O proxecto ecoBosque, impulsado polo Concello de Santiago de Compostela e subvencionado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a través da Fundación Biodiversidade, ten como obxectivo mellorar e renaturalizar a contorna do río Sar, poñendo en valor un enclave de alto interese ambiental e histórico. A través de accións de restauración ecolóxica, divulgación e participación cidadá, o proxecto pretende fomentar unha relación máis consciente e respectuosa coa natureza.
Con este novo episodio, ecoBosque reforza a súa aposta pola sustentabilidade, a conservación e compromiso social, sumándose á celebración do Día Internacional de Acción polos Ríos e á necesidade de avanzar cara a unha convivencia máis equilibrada entre sociedade e natureza.