O proxecto ecoBosque publica o onceavo capítulo do seu podcast no Día Internacional para a Conservación dos Anfibios

No Día Internacional para a Consevación dos Anfibios o proxecto ecoBosque publica o onceavo episodio do podcast "Faladoiro ecoBosque" con Pedro Galán como convidado.

O Día Internacional para a Conservación dos Anfibios celébrase dende algunhas entidades o 28 de abril de cada ano dende 2009 co obxectivo de concienciar sobre o grave declive global de ras, sapos e píntegas. Búscase visibilizar o papel esencial dos anfibios nos ecosistemas e promover accións de conservación fronte a ameazas como a perda de hábitats, a contaminación, o cambio climático e enfermidades emerxentes como a quitridiomicose.

Dende o Faladoiro EcoBosque, con motivo deste día contamos como invitado ao episodio con Pedro Galán, profesor emérito de Zooloxía da Universidade da Coruña e un dos maiores especialistas en anfibios e réptiles da península ibérica, para achegarnos a un mundo que moitas veces pasa desapercibido, pero que é fundamental para o equilibrio dos ecosistemas. Neste episodio fálase dos anfibios, das súas sorprendentes adaptacións e das ameazas que os están a levar a un declive global sen precedentes.

image

O Proxecto EcoBosque forma parte dunha estratexia integral de recuperación ambiental, coidado da biodiversidade e participación cidadá, promovida polo Concello de Santiago de Compostela e co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO). Esta iniciativa está integrada no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.