Con motivo da celebración do Día Mundial da Vida Silvestre, o proxecto ecoBosque lanza o cuarto episodio do podcast “Faladoiro ecoBosque: Conversas sobre natureza, memoria e futuro do Río Sar”, reafirmando o seu compromiso coa divulgación científica e coa protección e posta en valor da biodiversidade.
Cuarto episodio con Marisa Castro
Esta data, proclamada polas Nacións Unidas e celebrada o 3 de marzo, achega
unha oportunidade para celebrar as fermosas e variadas formas de flora e fauna silvestres, concienciar sobre os seus múltiples beneficios e, ao mesmo tempo, recordar a necesidade urxente de loitar contra os delitos que ameazan a vida silvestre e a redución de especies inducida polo home, as cales implican impactos económicos, ambientais e sociais.
A temática deste 2026, “Plantas medicinais e aromáticas: conservar a saúde,o patrimonio natural e os medios de subsistencia”, destaca o papel fundamental que estas desempeñan no mantemento da saúde humana, o patrimonio cultural e os medios de vida locais, e as crecentes presións as que se enfrontan debido á perda de hábitats, a sobreexplotación e o cambio climático.

Como invitada deste episodio temos a Marisa Castro, escritora, micóloga e profesora durante 30 anos da Universidade de Vigo onde cofundou a startup MycoGalicia Plantae. É autora de mais dunha centena de traballos de investigación e de máis de 25 libros de divulgación científica relacionados con cogomelos, plantas e árbores. Despois de xubilarse comezou a súa nova andaina como escritora de narrativa, publicando no 2022 a novela A saga das curandeiras e en outubro do 2025 a novela Soño de liberdade.
No episodio conversase sobre a biodiversidade que medra ao noso carón, plantas medicinais e aromáticas, fungos que tecen redes invisibles baixo o chan e saberes transmitidos, moitas veces polas man de mulleres. Falamos de identidade cultural e aproveitamento sostible, de ciencia e literatura dialogando co territorio.
O proxecto ecoBosque, impulsado polo Concello de Santiago de Compostela e subvencionado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a través da Fundación Biodiversidade, ten como obxectivo mellorar e renaturalizar a contorna do río Sar, poñendo en valor un enclave de alto interese ambiental e histórico. A través de accións de restauración ecolóxica, divulgación e participación cidadá, o proxecto pretende fomentar unha relación máis consciente e respectuosa coa natureza.
Con este novo episodio, ecoBosque reforza a súa aposta por unha divulgación que integra sustentabilidade, conservación e compromiso social, sumándose á celebración do Día Mundial da Vida Silvestre e á necesidade de avanzar cara a un modelo de convivencia máis equilibrado entre sociedade e natureza.