Plantación dun minibosque co método Miyawaki na zona do Banquete de Conxo
O Concello de Santiago, a través do departamento de Emprego e no marco do proxecto Ecobosque, impulsa a plantación dun novo minibosque urbano na zona do Banquete de Conxo utilizando o método Miyawaki. A actuación é un paso máis na loita contra a degradación ambiental e a proliferación de especies invasoras como a tradescantia na zona do Banquete de Conxo.
🌱 Durante a xornada do 20 de marzo, voluntariado e especialistas levaron a cabo a plantación de 700 árbores, arbustos e plantas nativas, transformando unha área degradada nun espazo verde de alto valor ecolóxico. Esta acción forma parte das estratexias do proxecto Ecobosque para restaurar ecosistemas afectados pola invasión de especies exóticas e garantir unha maior resiliencia fronte ao cambio climático.
🌿O método Miyawaki, desenvolvido polo botánico xaponés Akira Miyawaki, permite acelerar ata dez veces o crecemento dos bosques nativos mediante a plantación densa de especies autóctonas e a mellora do solo con técnicas naturais. Este enfoque facilita a creación de ecosistemas resilientes en áreas degradadas, favorecendo a biodiversidade e proporcionando servizos ecosistémicos clave como a absorción de CO₂, a mellora da calidade do aire e a regulación térmica. Segundo os expertos, os bosques creados co método Miyawaki poden requerir un 90% menos de mantemento tras os primeiros anos e conseguir en 20-30 anos unha madurez equivalente á que un bosque convencional alcanzaría en máis de 200 anos. Ademais, contribúen á creación de hábitats para a fauna local e á recuperación de solos erosionados.
O proxecto Ecobosque, de Restauración do Ecosistema Fluvial e creación dun Bosque de Saúde no Río Sar ao seu paso polo Banquete de Conxo, conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.