Con motivo da celebración do Día Mundial dos Humidais, o proxecto Ecobosque lanza a súa nova canle de podcast “Faladoiro ecoBosque: Conversas sobre natureza, memoria e futuro do Río Sar”. Trátase dun espazo sonoro para reflexionar sobre a relación entre os ecosistemas fluviais, a historia e os retos ambientais do futuro, que estará dispoñible en Spotify.
Primeiro episodio con Manel Leira
O primeiro episodio publicouse o 2 de febreiro de 2026, coincidindo coa Día dos Humidais, unha efeméride internacional que conmemora a sinatura do Convenio de Ramsar en 1971 e que lembra a importancia dos humidais como espazos clave para a biodiversidade, a xestión da auga, a prevención de inundacións e o patrimonio cultural asociado a eles. O lema escollido este ano, “Os humidais e os coñecementos tradicionais: celebremos o patrimonio cultural”, serve de fío condutor para a conversa do podcast.
Neste contexto, a actividade pretende destacar o enorme valor ecolóxico dos humidais, tanto para a natureza como para o propio benestar humano, así como a importancia de coñecelos, valoralos e protexelos fronte ás múltiples ameazas ás que se enfrontan na actualidade.
Neste episodio inaugural, o faladoiro conta coa participación de Manel Leira, investigador do grupo Biodiversidade, Bioxeografía e Conservación Integrativa (BiBiCI) da Universidade de Santiago de Compostela, con ampla experiencia no estudo dos ecosistemas acuáticos, quen “prepara o prato principal” dunha conversa que afonda en que son os humidais, por que son tan relevantes e cal é o seu estado de conservación en Galicia.
O podcast preséntase cun formato orixinal inspirado nun xantar colectivo, no que os “entrantes”, o “prato principal” e a “sobremesa” marcan o ritmo da conversa. A través deste enfoque divulgativo, Ecobosque busca achegar á cidadanía coñecemento científico, memoria histórica e reflexión crítica sobre o territorio, facendo especial fincapé no río Sar e na contorna do Bosque do Banquete de Conxo.

O proxecto EcoBosque, impulsado polo Concello de Santiago de Compostela e subvencionado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a través da Fundación Biodiversidade, ten como obxectivo mellorar e renaturalizar a contorna do río Sar, poñendo en valor un enclave de alto interese ambiental e histórico. A través de accións de restauración ecolóxica, divulgación e participación cidadá, o proxecto pretende fomentar unha relación máis consciente e respectuosa coa natureza.
Con esta nova canle de podcast, o proxecto dá un paso máis no seu labor de sensibilización ambiental, convidando á veciñanza a escoitar, aprender e mirar os humidais con outros ollos, lembrando que protexer estes ecosistemas é tamén protexer o noso futuro.