No marco da campaña “Sementar, non contaminar – Bombas de semente para o EcoBosque”, promovida polo proxecto EcoBosque do río Sar con motivo do Día Mundial do Medioambiente, 120 estudantes de 2º de ESO do IES Eduardo Pondal participaron este luns nun obradoiro ecolóxico e transformador.
A actividade, desenvolta o día 3 de xuño no propio centro, achegou á mocidade á técnica xaponesa do Nendo Dango, un método tradicional de agricultura natural ideado por Masanobu Fukuoka. Guiados por persoal do Proxecto EcoBosque, o alumnado elaborou bombas de sementes a partir de arxila, compost e sementes autóctonas como carballo, nogueira, freixo, cerdeira, castiñeiro ou acivro, sen empregar ningún tipo de plástico, ferramenta nin envase.
As sementes foron fornecidas polo Centro de Semillas Forestais Semfor Galicia e Viveiros Franco, cun enfoque centrado na restauración da biodiversidade das zonas de ribeira e na educación ambiental práctica e activa.
O taller foi unha experiencia que combinou aprendizaxe, creatividade, conciencia ecolóxica e acción directa polo territorio.
O proxecto ECOBOSQUE é unha iniciativa de restauración ecolóxica do río Sar e do Banquete de Conxo como espazo de saúde, educación ambiental e benestar, e conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea–NextGenerationEU.