O Ecobosque do Banquete de Conxo celebra o Día Mundial do Medio Ambiente con bombas de sementes e carreiras de orientación 

O proxecto Ecobosque do río Sar, impulsado polo departamento de Emprego para a restauración ecolóxica do río Sar ao seu paso pola zona do Banquete de Conxo, pon en marcha diferentes actividades de sensibilización para conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente. A acción principal será a plantación de “bombas de sementes”, fabricadas nestes días baixo a técnica tradicional xaponesa Nendo Dango polo alumnado dos centros educativos da contorna o barrio de Conxo.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou as actividades coas que o Ecobosque celebra o Día Mundial do Medio Ambiente, nunha rolda de prensa na que tamén participou Darío Pérez, o coordinador do proxecto. A tenenta de alcaldesa explicou que o obxectivo destas accións é “implicar activamente á comunidade no coidado do Ecobosque, avanzar na restauración da biodiversidade local, e sensibilizar á veciñanza sobre o uso excesivo dos plásticos de acordo co lema elixido este ano por Nacións Unidas para o Día Mundial do Medio Ambiente”.
“Sementar, non contaminar”
Como parte das actividades ambientais e de concienciación vinculadas ao proxecto do Ecobosque, ao longo desta semana estanse a desenvolver obradoiros participativos para a creación de “bombas de sementes”, baixo o método Nendo Dango. Tal e como explicou Darío Pérez, trátase dunha técnica xaponesa creada por Masanobu Fukuoka, considerado pioneiro da agricultura natural. Para elaborarlas, envólvense sementes autóctonas de especies como carballos, freixos, nogueiras ou ameneiros nunha mestura de arxila e materia orgánica, creando pequenas bolas protectoras. Estas “bombas de sementes” poden ser lanzadas directamente ao terreo sen cavar ou regar, xa que a capa de arxila protexe as sementes de depredadores e da deshidratación ata que as condicións ambientais sexan óptimas para xerminar. 
Os obradoiros para a creación das “bombas de sementes” estanse a desenvolver ao longo da semana nos centros educativos máis próximos á zona do Banquete de Conxo, “co obxectivo de sensibilizar e facer partícipe á comunidade educativa do coidado activo da súa contorna”. En concreto, participan preto de 400 alumnos e alumnas do CEIP Cardeal Quiroga Palacios, os colexios Divino Maestro, A Milagrosa e Santa Apolonia, e o IES Eduardo Pondal.
A partir de mañá, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, as preto de 1.200 “bombas de sementes” elaboradas serán depositadas na zona do Ecobosque do Banquete de Conxo, nunha área reservada para este obxectivo.



Andaina e carreira de orientación do Ecobosque
No marco destas actividades de sensibilización, para a próxima semana están previstas unhas andainas desde o parque do Berce do Sar ata o Banquete de Conxo, dirixidas ao alumnado dos centros educativos do barrio de Conxo a partir dos 12 anos. A ruta, cun percorrido de 10 quilómetros, está deseñada para que os rapaces e rapazas coñezan a app “Senda do Sar” creada no marco do obradoiro de emprego Appventures. A actividade desenvolveráse os días 9, 10 e 11 de xuño.
Xa no domingo 15 de xuño, celebraráse unha carreira de orientación pola área na que se está desenvolvendo o proxecto do Ecobosque. As persoas participantes, ben de maneira individual ou ben en grupos de ata 6 persoas, deberán visitar no menor tempo posible todas as balizas colocadas na zona, sinalizadas nun mapa que recibirán ao comezo da proba. Haberá tres categorías: xestiñas, dirixida a nenos e nenas e cun percorrido menor a 3 quilómetros; xestas, pensada para persoas adultas, e cun percorrido inferior aos 4 quilómetros; e xesteiras, unha categoría con coñecementos medios ou altos de orientación e cun bo nivel físico, que faran un percorrido superior aos 5 quilómetros. Esta actividade desenvolveráse a partir das 10:00 horas, e as persoas interesadas en participar poden obter máis información no correo electrónico info@xestanatureza.com, ou nas webs www.banquetedeconxo.com ou www.xestanatureza.com. O formulario de inscrición está dispoñible neste enlace: https://form.jotform.com/251542250215344
Outras actividades
A campaña do proxecto Ecobosque con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente complétase cunhacampaña de concienciación sobre a recollida de residuos nas beiras do río Sar, que se desenvolverá do 5 ao 15 de xuño; e cunha actividade dirixida ao alumnado dos centros educativos, que elaborarán debuxos, carteis e mensaxes que serán expostos no Centro Sociocultural de Conxo desde mañá e ata o día 15. 

O proxecto ECOBOSQUE é unha iniciativa de restauración ecolóxica do río Sar e do Banquete de Conxo como espazo de saúde, educación ambiental e benestar e, conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.


 

Deixa unha resposta