A campaña “Sementar, non contaminar”, promovida polo Proxecto EcoBosque do río Sar con motivo do Día Mundial do Medioambiente, pechará o seu programa de actividades cun evento aberto, familiar e participativo: a Carreira de Orientación EcoBosque, que terá lugar o domingo 15 de xuño, entre as 11:00 e as 14:00 horas, na zona do Banquete de Conxo.
Unha proposta pensada para todas as idades e niveis, que convida a descubrir xogando o espazo natural restaurado do río Sar.
Tres percorridos, un mesmo obxectivo: coidar da natureza mentres a coñecemos
A carreira contará con tres categorías adaptadas a distintos perfís:
- Xestiñas: para nenos e nenas, cun percorrido inferior a 3 km, pensado para iniciación.
- Xestas: para persoas adultas e familias, cun nivel físico e técnico medio.
- Xesteiras: para persoas con experiencia en orientación, cun percorrido máis longo e esixente (máis de 5 km).
Cada participante ou equipo recibirá un mapa da área do Ecobosque, con balizas sinaladas que deberán atopar no menor tempo posible, empregando estratexias de orientación no medio natural. A saída realizarase por categorías, a partir das 11:00 h.
Inscricións abertas
A actividade é de balde, con inscrición individual ou por equipos de ata 6 persoas.
Formulario de inscrición: https://form.jotform.com/251542250215344
Máis información:
📧 info@xestanatureza.com
🌐 www.banquetedeconxo.com | www.xestanatureza.com
Recollida de camisetas conmemorativas
Para facilitar a organización e garantir que todos os participantes poidan gozar plenamente da Carreira de Orientación EcoBosque, o Concello de Santiago informa do seguinte:
Recollida anticipada (recomendada):
📍 Lugar: Edificio CERSIA (Rúa Alcalde Raimundo López Pol, nº 1 –San Lázaro)
🕓 Horario:
- Venres, 13 de xuño: de 16:30 a 20:30 h
- Sábado, 14 de xuño: de 10:00 a 14:00 h
Será necesario presentar o DNI ou xustificante de inscrición.
Recollida o día da carreira:
Na carpa de organización situada na zona de saída (Mosaico do Banquete de Conxo), o domingo 15 de xuño, entre as 10:00 e as 11:30 h, pensada especialmente para participantes de fóra de Santiago ou quen non poidan acudir os días anteriores.
A organización agradece a colaboración cidadá para que esta proba, enmarcada na campaña do Día Mundial do Medioambiente, sexa un éxito de participación e fluidez.
O deporte de orientación é moito máis ca unha actividade física: é unha ferramenta educativa que fomenta o pensamento estratéxico, a observación do contorno e o respecto polo medio. Practicado en espazos naturais como o Ecobosque do río Sar, convértese nunha experiencia que combina saúde, aprendizaxe e conexión coa natureza. A través deste tipo de probas, promovemos unha maneira activa, lúdica e comprometida de coidar e habitar os espazos verdes, contribuíndo á súa conservación mentres os exploramos.
Un peche simbólico para unha campaña que planta raíces
A carreira de orientación será o acto final dunha campaña que mobilizou máis de mil persoas en obradoiros, actividades educativas, andainas, accións de limpeza e arte comunitaria, baixo o lema: “Sementar, non contaminar”.
Unha chamada urxente á acción que demostra que as solucións ambientais tamén pasan pola educación, a comunidade e o contacto directo coa terra.
O Ecobosque: saúde, educación ambiental e benestar
O Proxecto ECOBOSQUE é unha iniciativa de restauración ecolóxica do río Sar e do Banquete de Conxo como espazo de saúde, educación ambiental e benestar, e conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y o Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea–NextGenerationEU.