Con bombas de sementes, debuxos, versos colectivos e accións contra o plástico, o proxecto EcoBosque do río Sar convértese este ano nun símbolo local da mobilización global polo Día Mundial do Medioambiente, liderado polas Nacións Unidas baixo o lema internacional: “Poñer fin á contaminación por plásticos”.
A campaña do proxecto Eco-Bosque, “Sementar, non contaminar – Bombas de semente para o EcoBosque”, desenvolverá actividades entre os días 2 e o 15 de xuño, con epicentro o día na zona do Banquete de Conxo, onde se lanzarán unhas 1.200 bombas de semente como xesto simbólico e práctico para restaurar a biodiversidade ribeirá do Sar e plantar un futuro libre de plásticos.
💣 Bombas de esperanza ecolóxica
Os obradoiros previos para a elaboración das bombas de semente, se celebrarán nos centros educativos do barrio de Conxo, e introducirán ao alumnado na técnica xaponesa do Nendo Dango, aprendendo a crear bombas de semente con arxila, compost e especies autóctonas como carballo, nogueira, cerdeira ou acivro. Sen plásticos, nin ferramentas, nin envases: só mans, natureza e comunidade.
📜 Un manifesto por un planeta sen plásticos
Durante a xornada central que terá lugar o día 5 de xuño, día mundial do medioambiente, lerase o manifesto colectivo “Sementar sen contaminar”, unha creación colaborativa entre nenos, maiores e educadores, que fai un chamamento a plantar esperanza e loitar contra “un inimigo invisible e persistente: o plástico, un material que dura séculos e que usamos só segundos”.
🌍 Unha crise global, unha acción local
A campaña galega enmárcase na mobilización mundial promovida polo PNUMA dende 1973. En 2025, as cifras continúan alarmando: máis de 400 millóns de toneladas de plástico prodúcense ao ano, só un 10% reciclado, con 11 millóns de toneladas chegando aos ecosistemas acuáticos e microplásticos atopados incluso na placenta humana.
A República de Corea, anfitrioa mundial este ano, lidera modelos de reutilización e separación en orixe, coma na illa de Jeju. En Compostela, a acción faise terra grazas a iniciativas como o EcoBosque do río Sar.
🌿 Un proxecto con apoio europeo
O proxecto ECOBOSQUE é unha iniciativa de restauración ecolóxica do río Sar e do Banquete de Conxo como espazo de saúde, educación ambiental e benestar, e conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea–NextGenerationEU.
🧼 Limpeza, arte e participación
Ademais do lanzamento de sementes, desenvolveranse outras accións coma unha limpeza simbólica na zona do Banquete de Conxo, un mural colectivo que estará exposto no CSC Conxo, e unha campaña de concienciación co lema “O plástico sobra, a natureza abonda”, con recollida de mensaxes para a reflexión cidadá.
🥾 Natureza, xogo e aprendizaxe
Entre os días 9 e 11 de xuño, realizarase a actividade “Xogando coa Senda do Sar”, unha andaina interactiva pola memoria histórica e a biodiversidade da contorna a través dunha app educativa. E o día 15 pecharase o programa cunha carreira de orientación no EcoBosque, con diferentes categorías e percorridos adaptados a todas as idades.
Unha chamada urxente á acción
A campaña “Sementar, non contaminar” demostra que as solucións pasan tamén pola educación, a comunidade e o contacto directo coa terra.
Consulta o programa e súmate as actividades que se realizarán con motivo do Día Mundial do Medioambiente porque ás veces, para loitar contra un problema global, abonda con unha semente ben plantada.