O CEIP Cardeal Quiroga Palacios involucra a 112 alumnos en cinco obradoiros ambientais para coidar o Ecobosque e sementar futuro

Entre os días 3 e 5 de xuño, o CEIP Cardeal Quiroga Palacios acolleu cinco obradoiros de elaboración de bombas de semente no marco da campaña “Sementar, non contaminar – Bombas de semente para o EcoBosque”, impulsada polo Proxecto EcoBosque do río Sar con motivo do Día Mundial do Medioambiente.

Un total de 112 alumnos e alumnas de 3º e 5º de primaria participaron activamente nesta experiencia de aprendizaxe ecolóxica, manipulando arxila, compost e sementes autóctonas como carballo, acivro, freixo ou nogueira, sen empregar ningún tipo de plástico. A actividade foi guiada por dinamizadores do proxecto EcoBosque, baseándose no método tradicional Nendo Dango, orixinario do Xapón.

Educación que transforma: do colexio ao barrio, da teoría á acción

O CEIP Cardeal Quiroga Palacios é un centro educativo que vai máis aló do currículo académico, integrando no seu proxecto pedagóxico accións prácticas e transformadoras que teñen un impacto positivo no seu contorno máis próximo: o barrio de Conxo e o Ecobosque do río Sar.

Estes cinco obradoiros non só ofreceron unha oportunidade de aprendizaxe activa sobre a biodiversidade, os ecosistemas fluviais e a redución do plástico, senón que tamén promoveron valores ecosociais, como a responsabilidade colectiva, o respecto polo entorno e o compromiso coa sustentabilidade.

O feito de que o alumnado poida ver o resultado das súas accións no propio barrio reforza o vínculo afectivo coa contorna e convérteos en axentes de cambio real.

A integración destas actividades no día a día do centro consolida unha cultura ambiental viva e participativa, que forma parte da identidade educativa do CEIP.

As bombas de semente elaboradas nestes obradoiros serán utilizadas na intervención de restauración ecolóxica do río Sar, especialmente na zona do Banquete de Conxo, contribuíndo así de maneira concreta á recuperación dun espazo común. O proxecto ECOBOSQUE é unha iniciativa de restauración ecolóxica do río Sar e do Banquete de Conxo como espazo de saúde, educación ambiental e benestar, e conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y o Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea–NextGenerationE