O alcalde anuncia a concesión dunha subvención de 877.420 euros para a restauración do ecosistema fluvial do Sar na zona de Conxo

O alcalde anuncia a concesión dunha subvención de 877.420 euros para a restauración do ecosistema fluvial do Sar na zona de Conxo

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, informou, durante a rolda de prensa de Xunta de Goberno, da concesión, ao Concello de Santiago, unha subvención de 877.420 euros, procedentes dos fondos Next Generation; “para a restauración do ecosistema fluvial, e creación dun bosque biosaudable no río Sar“, na zona do banquete de Conxo.

O rexedor sinalou que esta subvención, cuxa notificación se recibiu o pasado venres, “non inclúe algunhas das actuacións que propuxeramos, concretamente a restauración das pontes, pero “aproveitaremos para recuperar ese bosque, un dos máis visitados polos composteláns”.

O proxecto presentado aos fondos Next Generation Eu, denominado “Restauración do Ecosistema Fluvial e creación dun Bosque de Saúde no río Sar, ao seu paso polo Banquete de Conxo (Santiago de Compostela)” ten como obxecto a mellora e restauración ambiental do ecosistema fluvial neste espazo, que constitúe un enclave único cun rico patrimonio natural e histórico, no que destaca unha poboación de carballos excepcionais, sendo o maior representante o Carballo de Conxo.

Este proxecto, presentado, no marco dos fondos Next Genration EU, á “Convocatoria de subvencións para a restauración dos ecosistemas fluviais” do Ministerio para a Transición ecolóxica e o Reto demográfico, busca restaurar a funcionalidade natural do hábitat e crear un espazo saudable de concienciación e divulgación ambiental. Enmárcase dentro dun conxunto de traballos realizados noutras áreas do río Sar e Sarela. Unha liña de traballo que busca a recuperación de ribeiras, renaturalización da cidade e o establecemento dun corredor ecolóxico a través das concas do Sar e o Sarela, sendo un exemplo para outras grandes cidades da comunidade.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *