Nova edición de actividades da Primavera ecoBosque

O Concello de Santiago de Compostela pon en marcha unha nova edición de Primavera EcoBosque.

O Concello de Santiago de Compostela pon en marcha unha nova edición de Primavera EcoBosque, un programa de actividades dirixido a centros educativos e á cidadanía en xeral que busca reforzar o vínculo co territorio coincidindo co inicio da primavera, un momento especialmente propicio para observar os cambios na natureza.

A iniciativa desenvolverase entre o 25 e o 29 de marzo de 2026 no ámbito do Bosque do Banquete de Conxo e do río Sar, e está concibida como unha proposta de educación ambiental que combina coñecemento, participación e coidado da contorna. O programa inclúe itinerarios interpretativos, observación da biodiversidade e accións de voluntariado ambiental, co obxectivo de achegar o alumnado a experiencias directas no medio natural.

Primavera EcoBosque

Ao longo desa semana desenvolverase unha programación variada que permitirá explorar diferentes dimensións do territorio.

O mércores 25 de marzo terá lugar unha actividade de voluntariado ambiental para a retirada de especies invasoras.

O xoves 26 de marzo desenvolveranse actividades centradas na divulgación sobre morcegos, cunha sesión “Falando de Morcegos” en horario de mañá, un BioBlitz no Banquete de Conxo e unha actividade nocturna de observación (inscricións cubertas actualmente).

O venres 27 de marzo repetirase a proposta de ruta guiada e de voluntariado ambiental, mentres que o sábado 28 incluirá a celebración da Hora do Planeta ás 20:30 horas.

O programa pecharase o domingo 29 de marzo cunha actividade de observación de aves no Banquete de Conxo da man de SEO Birdlife, prevista para as 10:00 horas e cunha duración aproximada de tres horas.

Esta programación pretende complementar o traballo educativo dos centros a través de experiencias ao aire libre, fomentando a sensibilización ambiental, a aprendizaxe activa e a participación do alumnado en iniciativas de conservación.

Os centros e a cidadanía en xeral interesada poden solicitar máis información ou confirmar a súa participación a través do correo electrónico: bosque@santiagodecompostela.gal

O proxecto EcoBosque, impulsado polo Concello de Santiago de Compostela, ten como obxectivo mellorar e renaturalizar a contorna do río Sar, promovendo unha relación máis consciente e respectuosa coa natureza a través de accións de restauración ecolóxica, divulgación e participación cidadá.