I Xornada da Rede Educativa EcoBosque

O Concello abre as inscricións para a I Xornada da Rede Educativa ecoBosque, un encontro para conectar escola, natureza e cidade.

O Concello de Santiago abre hoxe o prazo de inscrición para participar na I Xornada da Rede Educativa ecoBosque, un encontro dirixido ao profesorado da cidade interesado en explorar o territorio como recurso educativo e desenvolver proxectos co alumnado vinculados á natureza, á ciencia e á participación.

A xornada celebrarase o venres 13 de marzo, entre as 15:00 e as 19:30 horas, e está concibida como un espazo de encontro para que docentes de distintos centros poidan coñecer o potencial educativo do Bosque do Banquete de Conxo e do río Sar, compartir experiencias e comezar a construír unha rede de colaboración arredor do territorio.

Esta iniciativa forma parte da creación da Rede Educativa ecoBosque, impulsada polo Concello de Santiago para conectar profesorado interesado en desenvolver propostas educativas que vinculen escola, natureza e comunidade.

I Xornada da Rede Educativa Ecobosque


O programa da xornada combinará diferentes momentos de encontro e reflexión. A sesión comezará cun xantar de benvida, seguido da presentación do proxecto ecoBosque – Río Sar e dun espazo participativo de diálogo e intercambio entre docentes, no que se compartirán ideas e experiencias didácticas.

A xornada rematará cun roteiro interpretativo polo Bosque do Banquete de Conxo, que permitirá descubrir sobre o terreo os valores ambientais, históricos e culturais deste espazo. O percorrido estará acompañado polo editor e divulgador Quique Alvarellos, que achegará contexto histórico e cultural sobre este enclave singular da cidade.

O encontro pretende ser o primeiro paso para crear unha comunidade docente arredor do río Sar e do Bosque do Banquete de Conxo, explorando novas formas de aprendizaxe vinculadas ao territorio e promovendo proxectos educativos que conecten o alumnado co lugar que habita.

As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición a través do seguinte formulario de inscrición: https://forms.gle/FDCEygMb8kX9gaZK8

O proxecto ecoBosque, impulsado polo Concello de Santiago de Compostela e subvencionado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a través da Fundación Biodiversidade, ten como obxectivo mellorar e renaturalizar a contorna do río Sar, poñendo en valor un enclave de alto interese ambiental e histórico. A través de accións de restauración ecolóxica, divulgación e participación cidadá, o proxecto pretende fomentar unha relación máis consciente e respectuosa coa natureza.

Data e lugar da I Xornada da Rede Educativa ecoBosque:
Venres, 13 de marzo de 2026
15:00 – 19:30
Hotel Porta do Camiño – Bosque do Banquete de Conxo – Santiago de Compostela