Durante esta fin de semana, a carballeira do Banquete de Conxo volveu converterse no epicentro da memoria colectiva, coa celebración da sexta edición da Festa do Banquete de Conxo 2025.
Unha festa con raíz e futuro
A celebración do Banquete de Conxo non é só unha recreación histórica, senón unha chamada a continuar o legado daquelas xeracións que soñaron cun mundo máis xusto. Hoxe, ese soño tamén se constrúe dende o respecto ao medio ambiente, á identidade e a Comunidade.
O vídeo divulgativo titulado “O Espírito de Conxo: Memoria, Natureza e Comunidade” recolle escenas da festa nun formato tipo making of, onde se mesturan imaxes do ambiente festivo, a recreación teatral do banquete e os momentos de implicación cidadá. Un documento audiovisual que pon en valor a forza simbólica deste encontro, onde estudantes, artesáns e obreiros uníronse hai máis dun século baixo os ideais de liberdade, igualdade e fraternidade, e que hoxe atopan eco nunha nova causa común: o coidado do territorio e da natureza.
Un bosque para a memoria viva
O Eco-Bosque de Conxo, impulsado polo Concello de Santiago, busca a restauración do espazo natural e transformalo nun lugar de aprendizaxe, encontro e biodiversidade..
Durante a festa, organizáronse visitas guiadas ao espazo do Eco-Bosque, obradoiros de identificación de especies, contacontos ambientais para cativas e cativos, e mesmo unha ruta literaria titulada “As voces do bosque”, que vinculou literatura, historia e natureza.
O proxecto Ecobosque, de restauración do ecosistema fluvial e creación dun bosque de saúde no río Sar ao seu paso polo Banquete de Conxo, conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.