Este luns 9 de xuño, 112 alumnos e alumnas de 3º e 5º de primaria do CEIP Cardeal Quiroga Palacios participaron nunha andaina ambiental dende a Colexiata do Sar ata o Banquete de Conxo. Ao longo do percorrido, desenvolvéronse dúas accións transformadoras co medio ambiente como protagonista.
A primeira consistiu nunha limpeza simbólica das marxes do río Sar, dentro da campaña “O plástico sobra, a natureza abonda”. Os escolares retiraron residuos abandonados ao longo do tramo escollido, convertendo o paseo nun acto de coidado colectivo e de concienciación sobre os efectos da basuraleza.
A intervención puxo o foco na problemática dos residuos abandonados no medio natural, que constitúen unha grave ameaza para a biodiversidade e a saúde dos ecosistemas. A limpeza do espazo entre a Colexiata e o Banquete de Conxo foi tamén un exercicio de recuperación simbólica dun lugar emblemático da cidade.
Máis alá da recollida física de lixo, a actividade tivo un forte valor educativo: visibilizou un problema a miúdo ignorado, promoveu o traballo colaborativo e implicou o alumnado na responsabilidade de protexer a contorna.
Como colofón da xornada, realizouse o lanzamento colectivo de 1.200 bombas de semente, preparadas previamente co alumnado. Estas pequenas cápsulas de biodiversidade, feitas con arxila, substrato e sementes autóctonas, foron semi-enterradas e regadas individualmente nunha zona especialmente degradada do bosque de ribeira, na marxe esquerda do río Sar, en dirección ao Monte Cruxeira.
A acción supuxo unha intervención directa para fomentar a rexeneración ecolóxica da zona, favorecendo a xerminación das sementes e restaurando o equilibrio do ecosistema. Cada participante asumiu o compromiso de contribuír activamente á saúde do río.
A través desta actividade, o proxecto ECOBOSQUE reafirma o seu obxectivo de mobilizar á cidadanía —especialmente á mocidade— como axente activa na conservación e recuperación dos espazos naturais urbanos. O proxecto ECOBOSQUE é unha iniciativa de restauración ecolóxica do río Sar e do Banquete de Conxo como espazo de saúde, educación ambiental e benestar, e conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y o Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea–NextGenerationEU.