“Sementar, non contaminar!”: Un milleiro de mans para restaurar a natureza sen plásticos

No marco do Día Mundial do Medioambiente, o proxecto EcoBosque do río Sar impulsa a campaña “Sementar, non contaminar!”, unha iniciativa local con visión global que busca fomentar o coidado ambiental a través da participación cidadá, a educación e a acción directa.

🌍 Xornada central no Ecobosque do río Sar

Hoxe, 5 de xuño, celébrase a Xornada Central da campaña, de 10:30 a 13:30 no EcoBosque do río Sar, cun programa participativo que inclúe o lanzamento simbólico das bombas de sementes e a lectura pública do manifesto “Sementar sen contaminar”, como declaración colectiva de compromiso co medioambiente.

A campaña está concibida como unha experiencia educativa, comunitaria e creativa, que rexeita o uso de plásticos, promove a biodiversidade de ribeira e mobiliza a máis de 1.000 persoas, entre alumnado, familias e veciñanza.

🌱 Bombas de semente: acción ecolóxica e simbólica

A ferramenta central da campaña é a elaboración e lanzamento de bombas de sementes, elaboradas con especies autóctonas e técnicas naturais como o método Nendo Dango. Esta técnica, de orixe xaponesa, permite protexer as sementes sen usar envases, fomentando a restauración ecolóxica con materiais naturais como arxila e compost.

As sementes utilizadas —carballo, freixo, castiñeiro, acivro, cerdeira, entre outras— foron proporcionadas polo Centro de Semillas Forestais Semfor Galicia e Viveiros Franco.

🏫 Actividades previas nos centros educativos

Os días 2, 3 e 4 de xuño celebráronse obradoiros de fabricación de bombas de sementes en centros educativos do barrio de Conxo:

  • CEIP Cardeal Quiroga Palacios
  • CPR Plurilingüe Divino Maestro
  • CPR A Milagrosa
  • CPR Santa Apolonia Crea Natura
  • IES Eduardo Pondal

Estes obradoiros combinaron aprendizaxe práctica, sensibilización ambiental e participación activa da mocidade no coidado do seu contorno.

O proxecto Ecobosque, de Restauración do Ecosistema Fluvial e creación dun Bosque de Saúde no Río Sar ao seu paso polo Banquete de Conxo, conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

Deixa unha resposta