Campaña de voluntariado “Eliminemos a Tradescantia” IES Eduardo Pondal
A colaboración da comunidade educativa nesta iniciativa é esencial para o éxito de proxectos como Eco-Bosque, que buscan recuperar e preservar espazos naturais de gran valor ecolóxico e cultural.
O 18 de febreiro, estudantes de 2º da ESO do IES Eduardo Pondal participaron nunha xornada de eliminación da planta invasora Tradescantia fluminensis no Bosque do Banquete de Conxo, en Santiago de Compostela. Esta especie, coñecida como “orella de gato”, ten proliferado na zona, afectando á vexetación autóctona e alterando o equilibrio ecolóxico do ecosistema.
A actividade consistíu na retirada manual da Tradescantia, unha tarefa que require precisión para evitar a súa dispersión e propagación. O alumnado, baixo a supervisión de expertos, encargáronse de arrincar a planta de raíz, asegurándose de eliminala por completo para previr a súa reaparición. Esta acción forma parte do proxecto Eco-Bosque, unha iniciativa destinada a restaurar o ecosistema fluvial e crear un “Bosque de Saúde” no río Sar, ao seu paso polo Banquete de Conxo.
A participación activa do estudantado neste proxecto non só contribúe á conservación da contorna natural, senón que tamén lles achega unha valiosa experiencia educativa sobre a importancia da biodiversidade e a xestión ambiental. Ademáis, permítelles comprender de maneira práctica os desafíos asociados á erradicación de especies invasoras e á restauración de ecosistemas.
O IES Eduardo Pondal participa activamente nesta campaña reafirmando o seu compromiso coa educación ambiental e a protección do patrimonio natural de Santiago de Compostela.





