Campaña de voluntariado “Eliminemos a Tradescantia” CPR Santa Apolonia Crea Natura

Campaña de voluntariado “Eliminemos a Tradescantia” CPR Santa Apolonia Crea Natura

A colaboración da comunidade educativa nesta iniciativa é esencial para o éxito de proxectos como Eco-Bosque, que buscan recuperar e preservar espazos naturais de gran valor ecolóxico e cultural.

O 19 de febreiro, estudantes do CPR Santa Apolonia Crea Natura participaron nunha xornada de eliminación da planta invasora Tradescantia fluminensis no Bosque do Banquete de Conxo. Esta planta, tamén coñecida como “orella de gato”, ten invadido grande parte do Bosque, desprazando á vexetación autóctona e danando o ecosistema.

A actividade levouse a cabo como parte do proxecto EcoBosque, unha iniciativa que busca restaurar o Bosque do Banquete de Conxo e protexer a súa biodiversidade. O alumnado traballou xunto cos expertos  na retirada desta especie invasora, arrincando a planta de raíz para evitar  a súa propagación. Este tipo de actividades non só  son fundamentais para a conservación da contorna natural, senón que tamén ofrecen unha oportunidade educativa para os rapaces e rapazas que aprenden sobre a importancia de recuperar a biodiversidade e sobre a xestión ambiental.

A participación do alumnado nesta campaña foi unha experiencia educativa enriquecedora, que lles permitiu comprender a importancia deste tipo de accións para o mantemento dos ecosistemas e o impacto negativo que as especies invasoras poden ter na contorna. O CPR Santa Apolonia Crea Natura continuará participando en futuras accións dentro do marco do proxecto EcoBosque, reafirmando o seu compromiso coa protección do medio ambiente e a educación en valores ecolóxicos así como coa protección do patrimonio natural de Santiago de Compostela.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *