“bombas de semente” para rexenerar o bosque de ribeira do Sar

Unha acción cidadá transformadora para recuperar unha das zonas máis degradadas da contorna fluvial de Compostela a través dunha plantación simbólica e coidada.

Este luns 9 de xuño, o alumnado do colexio Divino Maestro protagonizou unha nova acción ambiental no marco do Proxecto EcoBosque, coa realización dun lanzamento colectivo de bombas de semente na zona máis degradada do bosque de ribeira do río Sar, en dirección ao Monte Cruxeira.

A actividade concíbese como unha poderosa metáfora: fronte á degradación, a cidadanía máis nova responde sementando vida. O lanzamento colectivo destas bombas, preparadas previamente durante un obradoiro realizado o pasado 4 de xuño, foi máis ca un acto simbólico. Supuxo unha declaración de intencións e un compromiso activo coa rexeneración do patrimonio natural común.

Cada bomba, elaborada con arxila, substrato e unha mestura de sementes autóctonas, como carballo, acivro ou castiñeiro, representa unha promesa de futuro para un ecosistema que precisa axuda.

A zona elixida para esta intervención foi a marxe esquerda do río Sar, cara á fervenza e ao Monte Cruxeira, identificada como un punto especialmente vulnerable e erosionado. Este espazo, que debería funcionar como corredor ecolóxico vital, está a sufrir unha importante perda de vexetación autóctona.

A actividade buscou iniciar un proceso de recuperación natural, restablecendo a flora local, favorecendo a presenza de fauna e contribuíndo á saúde do ecosistema fluvial.

A diferenza doutras intervencións máis superficiais, o proceso foi deseñado para maximizar as posibilidades de xerminación: cada bomba foi semi-enterrada a man e regada individualmente. Este sinxelo xesto protexe as sementes e proporciona o aporte de humidade necesario para activar a súa xerminación.

O alumnado implicouse activamente en cada paso do proceso, converténdose en axentes directos de restauración ecolóxica. Un exercicio práctico de educación ambiental que combina coñecemento, acción e respecto polo medio.

O proxecto ECOBOSQUE é unha iniciativa de restauración ecolóxica do río Sar e do Banquete de Conxo como espazo de saúde, educación ambiental e benestar, e conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y o Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea–NextGenerationEU.