No marco da campaña do Día Mundial do Medioambiente “Sementar, non contaminar – Bombas de semente para o EcoBosque”, 83 nenos e nenas de Educación Infantil e de 1º e 2º de Primaria do CPR Plurilingüe Divino Maestro participaron nun obradoiro moi especial que demostrou que nunca se é demasiado pequeno para coidar do planeta.
A actividade, desenvolta o 4 de xuño no propio centro educativo, achegou ao alumnado máis novo á natureza a través da creación de bombas de semente, seguindo a técnica tradicional Nendo Dango. Con arxila, compost e sementes autóctonas (como carballo, acivro ou nogueira), sen plásticos nin ferramentas, elaboraron estas pequenas cápsulas de vida coas súas propias mans.
Máis alá da semente: compromiso, emoción e pertenza
Traballar o compromiso co medio ambiente con nenos de infantil e do primeiro ciclo de primaria é unha tarefa fundamental. A estas idades, a aprendizaxe baséase na emoción, na experiencia directa e no sentimento de pertenza. Non se trata só de comprender conceptos ecolóxicos, senón de sentir a natureza como algo propio.
Crear vínculos afectivos: Ver medrar algo que sementaron ou limpar un espazo natural e deixalo fermoso fai que desenvolvan un apego positivo cara ao medio.
Empoderamento e autoestima: Sentíronse protagonistas, gardiáns do Ecobosque, sementadores de futuro. Cada bomba de semente foi un xesto valente e importante.
Valores ecosociais dende a base: Responsabilidade, respecto, colaboración e paciencia foron valores traballados con naturalidade e alegría.
Aprendizaxe significativa: Esta experiencia quedará gravada nas súas memorias como un día máxico no que fixeron algo grande coas súas pequenas mans.
O obradoiro, dinamizado por persoal do Proxecto EcoBosque, forma parte dunha campaña que aposta pola educación ambiental como ferramenta de transformación social.
O proxecto ECOBOSQUE é unha iniciativa de restauración ecolóxica do río Sar e do Banquete de Conxo como espazo de saúde, educación ambiental e benestar, e conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea–NextGenerationEU