As nenas e nenos do CPR Santa Apolonia-Crea Natura percorren o EcoBosque e sementan vida no Banquete de Conxo

O colexio Santa Apolonia realiza unha andaina interpretativa e o lanzamento de bombas de semente como parte da súa aposta por unha educación en contacto coa natureza.

Este mércores 11 de xuño, o alumnado do Colexio Santa Apolonia-Crea Natura participou nunha nova actividade enmarcada no Proxecto EcoBosque, que combinou unha andaina ambiental co lanzamento colectivo de bombas de semente.

A xornada comezou cunha andaina interpretativa desde a Colexiata de Sar cara ao Banquete de Conxo, na que os nenos e nenas exploraron o valor natural, histórico e simbólico do bosque de ribeira do río Sar. Guiados polo espírito da campaña “Sementar, non contaminar”, o alumnado recolleu plásticos e tomou conciencia da importancia de preservar os espazos naturais urbanos.

Como colofón, realizouse a plantación de bombas de semente previamente elaboradas no obradoiro desenvolvido o pasado 4 de xuño no propio centro. Cada bomba, feita con arxila, substrato e sementes autóctonas como carballo, acivro ou castiñeiro, foi semi-enterrada e regada individualmente.

A acción levouse a cabo nunha das zonas máis degradadas do bosque, na marxe esquerda do río Sar en dirección ao Monte Cruxeira, cun claro obxectivo: iniciar un proceso de recuperación ecolóxica real e participativa.

O colexio Santa Apolonia-Crea Natura reafirma así a súa identidade pedagóxica, centrada no vínculo do alumnado coa natureza como eixo de desenvolvemento integral. Esta experiencia permitiu ao estudantado vivir en primeira persoa unha acción de coidado ambiental e interiorizar valores como o respecto pola vida, a responsabilidade compartida e a esperanza no futuro.

O proxecto ECOBOSQUE é unha iniciativa de restauración ecolóxica do río Sar e do Banquete de Conxo como espazo de saúde, educación ambiental e benestar, e conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y o Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea–NextGenerationEU.