Arte contra a contaminación: o alumnado do CPR Divino Maestro enche o Ecobosque de mensaxes a prol da natureza

No marco da campaña “Sementar, non contaminar”, promovida polo Proxecto EcoBosque do río Sar con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, o alumnado do CPR Divino Maestro participou na elaboración de debuxos, carteis e mensaxes reivindicativas

Esta proposta creativa tivo como obxectivo dar voz ao compromiso ambiental da mocidade, convidando a rapaces e rapazas de primaria e secundaria a expresar visualmente o seu rexeitamento ao uso de plásticos e a súa defensa da natureza. A través de frases impactantes, imaxes simbólicas e composicións coloridas, fixeron visible unha mensaxe clara: o plástico sobra, a natureza abonda.

A exposición estará dispoñible ao público ata o 15 de xuño, e forma parte do conxunto de accións impulsadas desde o proxecto EcoBosque para implicar á comunidade educativa nun modelo de aprendizaxe activa e participativa, que combina arte, ciencia e acción ambiental.

Máis de mil persoas, entre escolares, docentes, familias e veciñanza, participaron xa nas diferentes actividades da campaña, que inclúe obradoiros de bombas de semente, andainas, accións de limpeza, actividades deportivas e intervencións artísticas. Unha aposta por educar desde a emoción e a experiencia directa, facendo do coidado do entorno un reto colectivo.

“As mensaxes do alumnado son sementes de futuro. Falamos de concienciación, si, pero tamén de empoderamento. Darlles espazo para expresarse é recoñecer que xa forman parte da solución”, sinalan desde a organización.

A campaña “Sementar, non contaminar” continúa desenvolvéndose ata o 15 de xuño, culminando coa II Carreira de Orientación EcoBosque, coa participación prevista de preto de 500 persoas.

O proxecto ECOBOSQUE é unha iniciativa de restauración ecolóxica do río Sar e do Banquete de Conxo como espazo de saúde, educación ambiental e benestar, e conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y o Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea–NextGenerationEU.