O proxecto ecoBosque presenta unha nova exposición itinerante dedicada aos morcegos, co obxectivo de achegar á cidadanía o coñecemento sobre estas especies, o seu papel nos ecosistemas e a importancia da súa conservación.
A mostra, desenvolvida en colaboración coa asociación Morcegos de Galicia, ofrece unha introdución divulgativa ao mundo dos morcegos presentes no territorio galego, abordando aspectos como a súa diversidade, os seus hábitos, a súa función ecolóxica e as principais ameazas ás que se enfrontan na
actualidade.

A través de paneis informativos e materiais divulgativos, a exposición convida a descubrir o papel fundamental que estes animais desempeñan nos ecosistemas, contribuíndo ao control de insectos e ao equilibrio natural, ademais de desmontar algúns dos mitos que tradicionalmente rodearon estas especies.
Exposición itinerante
A exposición está concibida como un recurso divulgativo itinerante e está dispoñible para a súa instalación en centros educativos, asociacións, espazos culturais ou outras entidades interesadas en promover actividades relacionadas coa biodiversidade e a conservación da natureza.
Actualmente pode visitarse no edificio CERSIA, onde permanecerá instalada ata o 26 de marzo.
Con esta iniciativa búscase fomentar o coñecemento sobre a fauna local e sensibilizar sobre a importancia de protexer os morcegos e os hábitats dos que dependen.
As entidades interesadas en acoller a exposición ou en recibir máis información poden poñerse en contacto co equipo do proxecto ecoBosque (bosque@santiagodecompostela.gal).
O proxecto ecoBosque, impulsado polo Concello de Santiago de Compostela e subvencionado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a través da Fundación Biodiversidad, ten como obxectivo mellorar e renaturalizar as marxes do río Sar, poñendo en valor un enclave de alto interese ambiental e histórico. A través de accións de restauración ecolóxica, divulgación e participación cidadá, o proxecto pretende fomentar unha relación máis consciente e respectuosa coa natureza.