Eliminemos a Tradescantia

Xornada de eliminación da planta invasora Tradescantia no Banquete de Conxo

Campaña para eliminar a especie invasora Tradescantia e preservar a beleza e biodiversidade do Banquete de Conxo. Manter baixo control á Tradescantia fluminensis é un paso crucial para conservar o Banquete de Conxo e a súa valiosa riqueza natural para as xeracións futuras.

Onte, día 12 de febreiro, desenvolveuse unha xornada de eliminación da especie invasora Tradescantia na contorna natural do Banquete de Conxo. A actividade foi levada a cabo por un grupo de 17 mozos e mozas participantes no proxecto Genius, que colaboraron na retirada manual desta planta co fin de minimizar o seu impacto negativo sobre o ecosistema local.

A Tradescantia, coñecida popularmente como herba da fortuna, é unha planta exótica invasora que representa unha ameaza para a biodiversidade dos espazos naturais galegos, xa que forma unha cuberta densa que impide o crecemento da vexetación autóctona. A súa eliminación é fundamental para a restauración ecolóxica do Banquete de Conxo, un enclave de alto valor patrimonial e ambiental en Santiago de Compostela. Esta acción enmárcase dentro dunha estratexia máis ampla de conservación da biodiversidade e recuperación dos hábitats naturais da zona.

Alumnos e alumnas do Obradoiro de Emprego genius

Desde a organización, agradécese a implicación dos participantes e anímase á cidadanía a sumarse a esta Campaña de eliminación da planta invasora Tradescantia no Banquete de Conxo. A iniciativa tamén busca sensibilizar á poboación sobre os efectos das especies invasoras e fomentar boas prácticas ambientais para previr a súa proliferación.

Ata o momento, xa están inscritas máis de 500 persoas para participar nas accións de eliminación a celebrar entre os días 17 e 22 de febreiro, destacando a presenza de alumnado dos IES Rosalía de Castro e Eduardo Pondal, así como dos colexios Quiroga Palacios, CEIP Vite, Cluny e Milagrosa, ademais da colaboración de empresas como Viaqua. Esta alta participación reflicte o compromiso da comunidade educativa e empresarial coa preservación do medio natural.

Para máis información, pode contactar con bosque@santiagodecompostela.gal

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *