Campaña de voluntariado “Eliminemos a Tradescantia” CPR Ntra. Sra. de los Remedios

Campaña de voluntariado “Eliminemos a Tradescantia CPR Ntra. Sra. de los Remedios

A colaboración da comunidade educativa nesta iniciativa é esencial para o éxito de proxectos como Eco-Bosque, que buscan recuperar e preservar espazos naturais de gran valor ecolóxico e cultural.

Nas xornadas do 17 e o 19 de febreiro, alumnado da ESO do CPR Ntra. Sra. de los Remedios se uniron á campaña de erradicación da planta invasora Tradescantia fluminensis no Bosque do Banquete de Conxo, en Santiago de Compostela. Esta especie, coñecida como “orella de gato”, ten colonizado amplas áreas do bosque, desprazando a vexetación autóctona e alterando o equilibrio ecolóxico do ecosistema.

Durante as dúas xornadas, os rapaces e rapazas do centro educativo participaron na retirada manual da Tradescantia, unha tarefa que require de precisión e coidado para evitar a súa dispersión e propagación. Baixo a supervisión de expertos, o alumnado encargouse de arrincar a planta de raíz, asegurándose de eliminala por completo para previr a súa reaparición. Esta actividade forma parte do proxecto Eco-Bosque, unha iniciativa destinada a restaurar o ecosistema fluvial e crear un “Bosque de Saúde” no río Sar, ao seu paso polo Banquete de Conxo.

A participación activa dos estudantes neste proxecto non só contribúe á conservación da contorna natural, senón que tamén supón unha valiosa experiencia educativa sobre a importancia da biodiversidade e a xestión ambiental. Ademáis, permítelles comprender de maneira práctica os desafíos asociados á erradicación de especies invasoras e á restauración de ecosistemas.

O CPR Ntra. Sra. de los Remedios participa activamente nesta campaña reafirmando o seu compromiso coa educación ambiental e a protección do patrimonio natural de Santiago de Compostela.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *